A Universidade premiará con ordenadores portátiles os 50 mellores expedientes de novo ingreso
July 12, 2010 en Uncategorized de admin
Recoñecer aos estudantes que se esforzaron especialmente para chegar aquí”, así resume o vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade, Ignacio Barcia, o espírito dos premios á Excelencia Académica cos que a Universidade distinguirá aos estudantes de novo ingreso con mellor expediente académico no Bacharelato. “Trátase de buscar e recoñecer a excelencia desde o primeiro intre”, subliñou o vicerreitor, quen destacou a importancia de “buscar a excelencia en todos os campos”.
Esta iniciativa enmárcase dentro das diversas actividades de difusión da excelencia académica e investigadora da Universidade de Vigo que, desta volta, quere recoñecer o traballo desenvolto polos estudantes que son beneficiarios do premio de excelencia académica da Xunta de Galicia, por aqueles que gañen olimpíadas científicas e polos que teñan unha nota media no bacharelato igual ou superior a 8.5.
As axudas están destinadas ao alumnado que se matricule por primeira vez en calquera das titulacións da Universidade. 30 dos premios irán destinados para aqueles que sexan seleccionados pola Xunta de Galicia co seu premio de excelencia; 10 serán para os gañadores (1º, 2º ou 3º) nas diferentes olimpíadas científicas que tiveron lugar ao longo do curso e, finalmente, outros 10 serán para os estudantes que acrediten unha puntuación igual ou superior ao 8.5 no expediente do bacharelato.
Prazos e requisitos
A Universidade de Vigo pretende así distinguir a excelencia dos alumnos de novo ingreso, polo que os solicitantes deberán estar matriculados na institución no curso 2010/2011 e ter finalizado os seus estudos de bacharelato no curso 2009/2010.
No que se refire aos prazos, a convocatoria abrirase o vindeiro 13 de setembro unha vez que este novos alumnos e alumnas xa estean nos campus e cando xa se coñezan os premios de excelencia da Xunta de Galicia e permanecerá aberta ata o 29 de outubro.
As solicitudes deberán presentarse no rexistro xeral da Universidade ou nos rexistros auxiliares dos campus e a Vicerreitoría de Alumnado, Docencia e Calidade será a encargada da valoración dos candidatos e a adxudicación dos premios.